Diario de Carrera #29 – Trail Orixes

Entrada #29

I Trail Orixes de Mondariz

(A. Javier “Safobo”)

Coas forzas xustiñas e sen apenas descanso despois dos trails de Arteixo e Baiona chegou a fin de semana do 11/12 de novembro, na que se celebrou a primeira edición do trail Orixes de Mondariz.

Nun principio íamos ser dous, Nelk e mais eu, os que disputaríamos dita proba. Por desgracia a boa fortuna que tivemos cunha inscrición de balde que nos tocou nun sorteo truncouse en mala sorte cando o meu compañeiro confesoume que non me podería acompañar por mor dunha lesión no seu xeonllo. Adri, como xa falamos, este corrino por ti cos meus mellores desexos de que pronto esteas con nós o 100% dándolle rock’n’roll.

Saín de traballar o sábado a iso das 15:00 horas. Axiña estaba na casa xantando e ó rematar púxenme a preparar as dúas maletas que levaría comigo. Levoume pouco tempo, a verdade é que un xa está acostumado a saber o que ten que levar e últimamente fágoo dunha maneira mecánica e case inconsciente. Non esquezo nada como ocorría as primeiras veces, iso sí que era un show.

Case antes de poñer o cinto xa estou introducindo no reproductor o CD dos meus paisanos de Sigüeiro: Familia Caamagno. Coñecinos no Noroeste Pop Rock de 2015, facía tempo que non os escoitaba e xa tiña ganas de berrar un pouco con eles mentres conducía. Foron animando sen cesar case todo o camiño.

Sobre as seis e media e xa en terras do río Tea fixen unha pequena parada en Mondariz-Balneario quedando abraiado coa Fonte de Gándara e co Antigo Gran Hotel. Percorrín un anaco dun paseo fluvial ó solpor pero o tempo botábaseme enriba e tiven que poñer rumbo á biblioteca municipal de Mondariz para recoller a bolsa do corredor co meu dorsal e algún que outro agasallo. Con ela no meu poder e sendo xa de noite puxen dirección a Río Frío, a 5 minutos escasos de alí, onde estaba o Hostal Encanto Anduriña no que me hospedaba. Os donos do establecemento foron moi amables e atentos. Non tiveron problema algún para cambiarme a habitación (a reserva era de dúas camas) e así ter que pagar menos. Coa ducha con hidromasaxe terminaron por me conquistar…

Xusto cando remato de deixar a equipaxe escoito o son do móbil. Algúns Rannass están en Porriño a piques de empezar a ruta do Pinchorriño… ¡sen min! Bulo o que podo e conduzo ata aló nun suspiro. Ás oito e cuarto xa estou aparcado e vou ó encontro de Glo, Dieguito, Angelotty e outro amigo noso que facía de anfitrión, desfrutamos dunha boa ruta de pinchos pola localidade porriñesa e a unha hora prudente puxémoslle punto e final. Pro ano que ven máis e mellor. Co bandullo cheo de hidratos fun descansar, faríame falla coa que me esperaba o día seguinte.

Son as 8:00 da mañá e a alarma do despertador pon fin ó meu sono. Abro a fiestra e contemplo un fermoso amencer que non dubido en inmortalizar coa cámara (xa sei a quen lle vou mandar a foto). A carreira comeza ás 9:30 polo que teño tempo dabondo para almorzar e preparar as cousas. Con todo listo e o abrigo por riba (fai bastante frío a esas horas) deixo a habitación e baixo a recepción a deixar as chaves. A dona ofréceme un zume natural antes de saír, non me quedo a tomalo pero agradézollo moito. Seguramente non sexa a última vez que me hospede alí.

Pasadas as 9 da mañá chego o campo de fútbol de A Lagoa, onde xa están outros traileros facendo exercicios de quecemento, ós que me sumo. Tamén hai un fotógrafo sacando as instantáneas de rigor. Non deixo pasar a oportunidade e pídolle unha. Hai moi bo ambiente e o speaker pon o seu granito de area pra amenizar os instantes previos ó pistoletazo. Un dron grava todo o que acontece. Xa estamos listos pra saír ¡¡LUME!!

Nada máis comezar xa entramos nunha senda e a primeira palabra que se me ven á cabeza é “trail de outono”, como diría Nelk, entre árbores de folla caduca e o chan repleto delas que dan unha moi grata sensación de amortiguación na pisada. Os primeiros quilómetros son prácticamente chaos, pegadiños primeiro ó río Tea e despois ó regato de Aloal. A xente sae moi forte de inicio e dame a impresión de levar un ritmo lento, pero a experiencia dime que outras veces fun eu o que saíu a fume de carozo e despois pagueino. Teño case 26 mil metros por diante e non quero ter sustos na parte final polo que acougo e sigo constante. Pasada esta zona entramos noutra moi estreita que só permite ir de a un, paralelos a un regato. Un pouco máis adiante empeza a picar pra riba e vexo como hai un corredor sentado atendido por outro, parece que torceu o nocello.

Encántame ver cómo a pesar da seca aínda quedan lugares húmidos cheos de vida como é por onde estamos pasando. Nesta subida vou gañando algunha posición, atópome fresco e lixeiro. Vou ben.

Antes de chegar ó quilómetro 5 e rematado o tramo en costa atopamos o primeiro dos catro aprovisionamentos. Teño a respiración axitada do esforzo, mollo a boca primeiro e boto un par de grolos de auga despois. Non tardo case nada en volver correr. Quero seguir descubrindo o que nos teñen preparado. Empeza un pequeno descenso no que se gaña bastante velocidade. Dous mil metros de constantes subes e baixas nos que pasamos polo camiño de Festín a Frades, onde hai unhas cantas casiñas, antes de afrontar a partir do km 7 a segunda subida.

Noto que levo equipaxe de máis e antes de que empece a picar en serio bótome a un lado e libérome de líquidos innecesarios. Parece unha parvada pero despois diso nótome aínda máis cómodo. As pernas están respondendo correctamente e non as estou castigando en exceso. Nesta parte sigo a un par de rapaces que van falando de mil cousas, non calan nin un minuto os tipos. Gardo a distancia suficiente como para non incomodalos, levándoos iso sí de referencia.

Máis aló do quilómetro 9 termina a subida e chegamos o segundo aprovisionamento, situado na ermida de San Xoán (Festín). Alí como plátano, mazá e laranxa, bebo isotónica e tomo a primeira das dúas sales que levo. Bordeo a ermida (obrigatorio) e comezo unha nova baixada. E qué baixada… Unha das máis rápidas e bonitas que recordo. Terra húmida e mollada e toboganes dispostos para zigzaguear a través das árbores a un ritmo vertixinoso. Derrapo, salto, gozo… Nunca o pasei tan ben nun trail. Nun dos descansos entre baixada e baixada hai dous voluntarios nun cruce que me ven chegar e un deles dime que vou “coma un Pepe”, razón non lle falta. Avísanme de que empeza outra zona rápida e prepárome pra desfrutala coma un tolo. Vou mangado e coa adrenalina a tope. Quero gritar e… non me corto: “LIBRE, LIBRE, LIBREEEE!!!” ¡Qué pasada de tramo! Desexo que non remate nunca pero o bo dura pouco e pronto chego a unha zona de río (penso que é o regato de Aboal), transición para o seguinte ascenso.

A partir do 11 todo para arriba. Atopo a un corredor co que vou falando un anaco e despois deixoo atrás porque non pode seguir o ritmo que levo subindo. Rematada a zona arbolada entramos noutra máis descuberta na que pega un pouco de aire e o corpo sínteo. Atravesamos unhas fincas no medio da nada pra volver ao puro monte. Zona de rochas agora, está habendo de todo neste trail. Sigo collendo a mais corredores, algún dime que subo coma unha cabra (espero que sexa pola destreza…).

Un pouco máis adiante, pasado o 15, terceiro aprovisionamento. Noto os xemelgos un pouco “raros” e decido non agardar máis para tomar as segundas sales, cal é a miña sorpresa que cando abro o sobre… ¡está baleiro!¡non hai pastilla! Outra lección aprendida, sempre levar de máis que tampouco ocupan tanto. Aínda abraiado e fodido a partes iguais polo que me acaba de acontecer, como e bebo todo o que podo e empezo a rezar pra que non haxa ningunha cambra máis tarde.

Antes do dezasete empeza unha baixada cunha pendente considerable, máis técnica ca anterior. Tómoa con calma. Sería unha mágoa botar a perder a carreira neste punto. Iso sí, recordo as palabras de Silvia, intento ir o menos tenso posible e sen frearme tanto coma noutras ocasións. Tras esta unha parte fermosísima, cruzando polo río (regato Furafolla), saltando por rochas grandes e correndo con velocidade por algunhas ramplas estreitas. Natureza pura e nos alí no medio. Levo a un corredor detrás e dígolle que avise si quere pasarme pero dime que vai ben onde vai e xuntos seguimos baixando atopando ó noso paso casas abandonadas moi vellas devoradas pola vexetación.

E case sen querer chegamos ó derradeiro aprovisionamento. Os que están alí anímannos e dinnos que xa só queda unha pequena gran subida e despois xa é todo terreo favorable ata a liña de meta. E así é, pasado o 20 pendente moi dura na que deixo atrás o compañeiro co que compartira os últimos quilómetros. Recórdoume a algunha que subiramos no trail de Padrón, desas lentas e dolorosas.

A baixada fágoa como as pernas me deixan, sen arriscar demasiado non vaia ser o demo. Tras esta unha zona na que empezar a subir o ritmo pouco a pouco, sen forzar, sempre a carón dun curso de auga que lle da un toque moi especial ata chegar o paseo fluvial do Tea. Sei que xa non queda nada e boto o resto. Hai pouco desnivel, alargo a zancada e braceo xeneroso. Sigo adiantando a outros corredores. Último tramo con lixeira pendente pra facelo un pouquiño máis duro se cabe e os metros por asfalto que saben a gloria antes de cruzar o arco, escoitar o speaker dicindo o meu nome e gritando: “¡¡26KM NAS PERNAS!!”. Paro o reloxo marcando 3 horas 33 minutos. O rematar teño a impresión de que foi o mellor trail que corrín este ano. Sobresaliente organización que deixa o listón moi alto.

Hidrátome bastante e tras estirar un anaco vou buscar ó coche a bolsa de deporte. Os da organización avisan que non queda auga quente nas duchas do campo de fútbol pero que temos as do colexio que está ao lado á nosa disposición. Cun sorriso de orella a orella apuro o paso e aséome como deus manda antes de ir a polos meus calliños e a miña cervexa. Todo sabe a gloria. Quedo alí comendo e compartindo impresións co grupo ata que remata a entrega de trofeos. Hora de volver a casa.

Despois disto toca un bo descanso e recuperar ben antes da nosa primeira aventura fóra de Galicia ¡Matallana de Torío xa agarda por nós!

 

 

Comments

comments